25-jun-2009

Disparate mortuorio e fuga

Hoxe terei -iso espero -unha longa noite de nervios, sorrisos e festa. Mañá tocará preparalo todo para fuxir. Aínda que a verdade é que non sei moi ben onde é que vou de vacacións.

Por sorte, como os caracois, levo a casa comigo; o problema, que o(s) inimigo(s) íntimo(s) tamén van dentro.

Alá polo quince de xullo supoño que andarei de volta pola casa nova se é que a preguiza non impide a mudanza.

Pasádeo ben. ¡Adéu!

------------------------------------------
PD: Máis información sobre a estrea no bló Nubosidade Variábel.
PD2: E unha entrevista co director Jose Prieto e co actor Leandro Lamas, aquí.

Chistes malos

Entra na consulta unha señora falando a lingua artificial.
- Bos días.
- Rápido, tenemos cinco minutos.
- Dóeme a coxa.
- ¿Que le qué?
- Que me doe. A coxa.
- ¡Pues que hace aquí, pida vez para el ginecólogo!

¿A que non ten puta gracia? Estamos tolos.

22-jun-2009

Onde andas, Karl? (3)

O vindeiro xoves, 25 de xuño, no Pazo da Cultura de Narón, estrea de "Onde andas, Karl?", texto do que poderá culparse publicamente ó perpetrador deste bló e que cedo ha saír á rúa feito libro gracias a Edicións Embora e ó Padroado da Cultura do Concello de Narón; se tivera que definilo e non quedara escrito diría un día que se trata dun disparate musical doblemente marxiano, ó seguinte poñeríame aínda máis estupendo afirmando que é un esperpento político-filosófico e o terceiro soltaría por esta boca que é unha comedia funeraria ou un tristérrimo circo desorganizado arredor do busto de Marx no cemiterio de Highgate por causa da súa ausencia; falar é de balde.

A dirección de "OAK?" corre a cargo de José Prieto e os personaxes da ben revirada peza serán levados á escea polos alumnos de terceiro curso da Escola de Teatro do Padroado. Leandro Lamas no papel de Herbert Spencer, Sena Hermida no papel de Caroline Tucker, Maite Da Costa como George Eliot, Keke Díez como Thomas Sayers e Yolanda Lozano como Claire Alice Prosser. A iluminación é de David Deive, a dirección musical de Ramón Bermejo e a fotografía de Celia González; da produción encargouse Flor Maceiras e o vestiario é cortesía do Centro Dramático Galego.

Oxalá nos vexamos moitos alí; prometo invitar a algo, lixeiro e salgado, cando a peza remate.

19-jun-2009

A Vilalba con Agustín

Dende O Vinte hai excursión organizada para asistir á homenaxe a Agustín Fernández Paz. ¿Vémonos?

18-jun-2009

Corrección/correczón? ou Sísifo e a pedra.

¿Sería posible que os correctores leran o texto completo e o entenderan antes de poñerse a corrixilo? Ando con dúas obras en edición/corrección a un tempo e, a verdade, para quen leva meses dando voltas ás cousas é un pouco sorprendente descubrir o que pode chegar a escarallarse nunha tarde...

Aí atrás publicaron o texto dunha miña charla na que bromeei sobre, por exemplo, gracias e grazas e a historia recente da nosa literatura. No proceso corrector o gracias foi corrixido e sospeito que o (pouco) contido de parte do discurso quedou absolutamente fóra de lugar. Por exemplo.

O outro día escoitei nunha charla dos Amigos do Jofre unha sentencia magnífica: unha muller madura, de pelo branco, fermosa e con firme voz, dixo que o galego está convertido nunha lingua litúrxica, que xa non se inventan palabras... Doía escoitar unha verdade tan grande. Pois se inventas palabras, ou se as rescatas, se as roubas dos bares, se te asomas ós riscos, os propios gardas do tesouro teñen tendencia a facerche recuar, a cambiar os inventos ou as escoitas polos palabros de moda dos cemiterios normativistas.

----------------------------------
----------------------------------

O xogo das palabras proscritas:

Brumeiral, cazata, penecas, apavorante, títere, tristérrimo, papeleo, quizabes, bueno, apagón, morredeiro, rollo, chuminada, apaixoado, cañón, vacío, fachendear, santigarse, lío, xentalla, melée, espelexamento/espelexar/pelexo/pelexa, cocoroto, joder, boquiaberto, medoñento, ó, encarraxada, ralentizados, dios dios dios dios

apousa!

Gracias

--------------------------------
PD: Sempre será mellor berrar aquí que ir desafogar a estoutro bar, digo eu.
PD2: Ó peor é que de facer as correccións e cortes que de verdade o texto necesita quitáronseme as ganas.
PD3: Proscritos, regalos y pastelitos.

17-jun-2009

Banksy



¿Alguén vai a Bristol e ten sitio na maleta? Iso si, que por min non quede a paciencia na casa.

---------------------------------------------
PD: Atopado no Capítulo 0.

15-jun-2009

Escribir

Mandoumo o amigo Jacobo.

---------------------------------
PD: Por certo, o libro titúlase "El nido de la serpiente" e o seu autor é Pedro Juan Gutiérrez.

11-jun-2009

Preguiza

Será(n) este(s) tempo(s) revolto(s), a quen sempre se lle pode(n) botar as culpas sen que se incomode(n). Será a sensación de estar traballando o que vas decir e, cando falas, sentirte mudo ou nun mundo de xordos. Será o cansancio do parto case simultáneo, a análise agora das decisións erróneas antes, ou o monstroso avance da rutina, esas areas movedizas. Será un empacho de letras propias, ou a sensación de que habito un mundo que esmorece, á forza e por si; ou será que me rendín.

Hai tamén por aí un proxecto de mudanza desganada, hai un desexo de cambio que ás veces fede a volta atrás e outras semella un salto longo de máis, cando case seguro que podería verse como unha parada no camiño, ou unha nova partida de cartas con distinta baralla.

Oxalá houbese razóns, para o si ou para o non. Disimúlenme o ripio os que aínda caen por estas letras, pero creo que me fan falta, ou unha longa rañada de ombligo ou unhas vacacións.

Ata pronto. Muámuá. Non sei se andarei por aquí ou por alá. ¡Alá vai outro!(ripio)

-----------------------------------
PD: Que ó poñer na chuleta universal (náufrago dixit) "preguiza imaxes" a primeira páxina que aparece sexa un post da Súa Maxestade Vermella que suscribiría case por completo (se borramos a memorización do Jabberwocky, que xa hai que ser friki, Miña Reina), debe ser bo augurio. ¡Abures!

09-jun-2009

Manifestos, torpezas.

Atopei o manifesto por aquí. E xa firmei. A estratexia da tensión paréceme terrorífica.

E os meus parabéns para o(s) estúpido(s)* que devolv-eu/-eron aínda con máis forza ás primeiras planas a Gloriña Pilingui.

-------------------------------------
* Ocórrenseme poucos exemplos mellores que os citados neste parágrafo para explicar a terceira lei fundamental de Cipolla.

08-jun-2009

Metáforas mal traídas, ensaios e algunha hipérbole

Teño pouca gana de escribir estes días. Para compensar, hoxe vou ver o primeiro pase completo en ensaios de ¿Onde andas, Karl?, que van estrear o 25 de xuño* os actores do terceiro curso da Escola de Teatro do Padroado da Cultura de Narón.

Pero, ó caso: ándanme na cabeza frases soltas e algunha imaxe. Ningunha tan fermosa como a dun dos centoliños esta mañá coas culleres do almorzo azul claro e azul escuro nas súas mans logo do reparto largándolle ó irmán: "a túa é o ceo cando se fai de día e a miña é cando se fai de noite". Trátase do mesmo autor que no medio dun trebón nos cañóns do Sil dixo alarmado: “¡o ceo estase rompendo!” Un poeta, un literato, (e unha desgracia para a familia).

Entre as propias anda unha comunidade de veciños dun país de conto. O primeiro que me veu á cabeza borroumo o recordo dunha peli portuguesa que vin hai moitos anos, Os cornos de Cronos: “Suiza non é un país, é a caixa forte de tódolos ladróns do mundo”. Así que descartei Suiza. Pero quedei coa idea do país de conto. No edificio, aparte de vicios construtivos que non poden considerarse menores, faltan os muros dalgunha vivenda á altura do segundo (precisamente onde iría a caixa forte) e pode dicirse que do quinto para arriba está sen rematar, con eses pilares de formigón a medio facer deixando ver a ferralla que tanto molestan no rural pero parecen permitidos polo doble raseiro do bo gusto periodístico nas cidades. Na reunión dos viciños non participa nin a metade da xente, pero deciden que a empresa construtora e o mesmo estudio de arquitectos que deseñou o edificio sexan quen reparen as fendas e se encarguen do proxecto. Sábese que entre eles hai xente pouco honrada, pero tanto ten, que veñan eles, que máis vale nefasto coñecido que mediocre por coñecer.

Quería encaixar na metáfora o asunto de que algúns dos corruptos pidan cambios de goberno ou se plantexen mocións de censura tentados por serpes indecisas, pero non dei feito. E pensei tamén no atrevemento de facelo logo de que nin a metade da xente votase, pero negar a lexitimidade dunha vitoria así fai que treman os cimentos dalgunha outra edificación cercana. Quero supoñer que se a xente estivese tan cabreada iría votar, e faríao maioritariamente á contra, é dicir, a favor deles, dos gañadores; pero non foi o caso, porque perder (votos) parece que perderon todos, aínda que ninguén o recoñeza, ¿por que será? Á vista da nula capacidade autocrítica dos nosos representantes sospeito que o que fai a maior parte da xente é precisamente pasar deles. Se cadra en representación de quen non vota ou de quen vota en branco debera estar a nada; no nivel de discurso político dos parlamentos non habería grande diferencia, e nesta época de austeridade contraditoria sería un estimable aforro.

Vale, se cadra isto é unha hipérbole. ¡Pero total para o que fan! Porque sería bo non esquecer que en España gañou as eleccións un dos deputados máis lacazáns da última eurolexislatura. Evidentemente ten que ser un xenio, cobra sen traballar e aínda o premian. Quen nos dera a moitos.

------------

PD: A verdade é que si. Menos mal que teño pouca gana...

PD2: Gracias Mr. DlH61 pola corrección. O 26 é a estrea absoluta de Que Cunda o Pánico no Palique dAs Pontes, ¡todos alá!. A estrea de Onde andas, Karl?, o 25 de xuño en Narón.

06-jun-2009

Xornada de reflexión

Eu, con todo, vou votar.
----------------------------
PD: Tiña razón o Arumes que foi quen mo recomendou. Eu de maior quero ter un bló como o de Isaac Rosa.

05-jun-2009

¡Gracias, Androcles!

Anda por aí a fábula de Esopo.

Recoñezamos que non parece haber no acto en si rastro ningún de violencia. Todo é limpo, ben organizado, mesmo o cuestionario. Pero oxalá houbese nos promotores da idea o bandullo cheo do leopardo. Aínda que, pola cara, para min que o de gafas (¿cal deles?) quedou con fame. Se non fose así, á vista dos seus incontestables argumentos, deixarían morrer o conto e dedicaríanse a gobernar e gobernarse.Eu, advirto ós que queren entrar na miña vida privada, penso mentir. Non acabo de entender este goberno bipolar, que por un lado segrega idiomáticamente e por outro agrupa niveis distintos no rural. ¿E os medios de comunicación? Calados, co bandullo cheo, seica.

Porque, imos ver, preguntas que eu me fago:
  • A nai e o presunto pai dos meus fillos non estamos de acordo: ¿podemos cubrir dous cuestionarios?
  • ¿Dentro de dous anos, cando os pequenos pasen a primaria, van repetirme a enquisa? ¿Ou farana tódolos anos dado que sempre hai nenos que cambian de ciclo?
  • No caso de que fose ese o resultado, ¿admitirán publicamente que o NS/NC foi resposta maioritaria?
  • ¿Algún dos enquisadores/inquisidores atreveuse a imaxinar unha deriva radical dos pais ou as reaccións futuras no caso de que gane de xeito aplastante o seu ben financiado proxecto monolingüe? No caso contrario, por ser poucos, ¿os perdedores quedaremos sen dereitos?
  • ¿Por que non enviaron cuestionarios sobre o Gaiás, ou sobre o conflito c6-a8, sobre o AVE, sobre a nefasta, localista e carísima xestión dos nosos tres aeroportos de xoguete ou, para non irnos moito do asunto, a aprendizaxe ou non das matemáticas ou do coñecemento do medio?
En todo caso sinto que, se cubro este cuestionario dos enquisadores/inquisidores serei un dos que lle quita a espiña da pouta ó león para que teña un motivo polo que perdoarnos a vida. E cubrireina, claro, ¿que imos facer se non? (admítense ideas). E terei o sentimento esclavo aínda que encha de razóns, por desquitarme, o apartado "comentarios e suxestións.../comentarios e suxerencias".
Hai que pensar. Porque pronto haberá que decidir se queremos ser o outro Androcles.
-----------------------------------------
PD: Doutro asunto fai, coma sempre, unha lúcida análise O Funambulista Coxo. Extrapolable. Imprescindible.

As esmolas, no Hortensia.

Non sei o que se me pasou pola cabeza para facelo, pero o caso é que pensei que non tiña mellor opción e prendín a tele. Nun xornal é máis doado avanzar ata os deportes ou buscar os artigos dos poucos escritores que che interesan sen caer nas trampas falsas do corazón que eles chaman crónica política: un ollo ós titulares abonda. Pero estaba só na casa raramente silenciosa, un pouco amoucado, un pouco postparto, e ademáis estrañándote logo do dóce non tan ben argumentado, ou será cousa deste tempo tan cambiante ou dese arrecendo teu que non marcharía do nariz nin aínda que levase semanas sen verte, ou será que é verdade que non entendo nada, eu que sei, o conto é que deixei caer o cú no sofá con todo o peso do corpo enriba, merda, e notei no medio das cachas o mando a distancia da televisión. Collino e premín o botón verde sen antes prender o reproductor de deuvedés ou o disco duro; quero atribuír a imprudencia ó desexo de probar se seguía funcionando, pero a verdade é que pensei, insisto, pouco ou nada: foi unha trampa da rutina, unha poza na intelixencia, se cadra teño algo peor aí dentro...

Alí estaban os candidatos nun falso debate: hai que recoñecer que a posta en escena do teatriño está ben pensada; con ese presuposto eu dirixiría un espectáculo con máis actores, pero así o discurso, supoño, faceríase fondo de máis, variado de máis e non chegaría a todo o mundo; ¿será que os que nos toman por parvos fano porque acaban conseguindo que o sexamos? E cos cartos que tiran en márketing calquera facía da cultura do país próspero negocio, pero hai que recoñecer que en principio a proposta dramática pode ser interesante, pura teoría teatral, as primeiras liñas de "O Espazo Vacío" de Peter Brook diante dun. Falaban serios, mirábanse ós ollos como nun enfrontamento dos que gravaban hai tempo no deserto de Almería -se cadra como boxeadores, porque tiñan árbitro -e mesmo podería dicirse que tanto o cura barbudo como o xesuíta alto tiñan mellor xeito de falar que os máis dos representantes dos mesmos partidos que un pode escoitar sen querer de cando en vez no telexornal que alimenta a sesta. E deixaban ben claro de onde saíran, das lonxanas montañas e do mesmísimo centro, así que, retóricamente, o asunto era revelador. Pero non sei cantos segundos fixeron falta para que todo se confundise aquí dentro, na cabezola, e pronto relacionei os reproches mutuos, continuos, con esoutras tertulias nas que manda o desprecio polo que está enfronte ou, mellor aínda, polo que está lonxe, nun vídeo roubado polos dixomedíxomes profesionais da imaxe ou da palabra. Escoitei pouco máis, abondo para certificar que todo o tratado alí era sobre o pasado. Non lembro como era aquilo que se decía dos políticos os problemas e as solucións. Pois agora nin iso. O peor, con todo, é que os pequenos cando xogan ó "¡ti máis!" son quen de buscar argumentos máis entretidos, ou fan o seu papel con máis paixón.

O bo de ter caído por uns minutos na trampa é que podo reafirmarme en seguir votando a outros aínda que non sexa máis que por evitar que os de antes e máis os de sempre teñan aínda máis forza. Aínda que saiba -gracias, El Roto -que o domingo vou baixar ó Hortensia a dar unha esmola antes de tomar unha caña escoitando ós viciños discutir con máis gracia, tamén eles, que os candidatos. É que aquí nO Vinte pensamos ben as cousas: para compensar as poucas ganas, o colexio electoral témolo posto no bar.

04-jun-2009

Casualidades



Casualidades, casualidades e máis casualidades. Supoño que haberá que ir mirando o que se di por aí.
------------------------------
PD: Como di o dono do Cabaret no que atopei o vídeo, multiplicarán a audiencia

02-jun-2009

Wilco (2).

É verdade que non son orixinais. É verdade que non inventaron o rock. Será verdade que son máis efectistas que sustanciosos (¿6,5 se cadra?). É falso que en directo non se atrevan coas cancións máis experimentais (cando menos onte).

Non son obxectivo, teño todos os seus discos. Pero en vivo parecéronme capaces de facer sonar aínda mellor a súa música. Despois de estar onte escoitándoos había eu de ir a Donosti e logo a Barcelona e despois a onde lles petase tocar, ¡e pagando!

Memorable. Dúas horas e pico de pracer. Que sorte ser un idiota (tamén) e non ter nin puta idea. O ben que o pasei.