Como as miñas queixas protocolarias e legais xa andan nun par de blogs amigos, quero aproveitar para dar as miñas opinións, insistir nalgúns puntos e excusarme sen petición previa -o cal me condena, como sabedes. E así podo facelo sen mediación de periodistas -que apuntan o que poden de tanto canto falei e, sobre todo, apuntan o que respondo ás súas preguntas -nin de periódicos, que despois dan un repaso ó que o periodista escribiu para que quede mellor e encaixe co resto do xornal: ás veces o repaso é sutil e noutros casos deixa pouco do que inicialmente se dixo ou, por suposto, non o máis importante senón o máis efectista e carnazoso, insistindo sobre aspectos ós que o entrevistado non quere darlle demasiada importancia ou dos que xa está aburrido de tanto falar.
Para empezar teño o problema do que xa dixen no anterior post e repito neste: un fala para diante sen parar e como se levase posta a pequena máscara do nariz de pallaso que lle outorga a ledicia que leva no corpo, ou falando escondido nese muro que levantamos os galegos -algúns peor que outros -ó que lle chamamos retranca. Falaba onte co mestre dlH61 por teléfono de que as cousas que digo, lidas por un castelán nun periódico, déixanme como un tipo con malahostia. Pois síntoo: pero a verdade é que hoxe mesmo, despois de ostentalos durante dous anos, o IGAEM perdeu os dereitos de representación de Limpeza de Sangue, e as bases do premio que eu gañei, polo tanto, non foron cumpridas. Que quede claro. E ademáis do orgullo que supón para un autor ver un texto seu en escena isto se convirte nun problema económico: os autores de teatro temos a fortuna de que cando un noso texto se leva a escena, podemos complementar o soldo -se é que o temos -ou engadilo ó xa excesivo premio que Limpeza de Sangue leva acumulado. Por suposto, onte mesmo, dentro do prazo aínda, presentei un recurso legal sobre este asunto.
Como tamén é certo que tanta viaxe a Santiago para negociar no IGAEM e na Dirección Xeral de Difusión Cultural foi unha perda de tempo e un continuo recibir e recibir largas. E de todo isto quero resaltar outra cousa: hai alguén, que agora terá que soportarme na programación da temporada porque así o decidiu o ben creado Consello Asesor pero sei que o fará de bo grau, que dende o principio foi sinceira comigo e me dixo que non lle interesaba o texto: a directora do CDG, Cristina Domínguez. E por favor que ninguén vexa rencor ou molestia nisto, insisto: agradézolle á directora do Centro Dramático Galego a súa sinceridade dende o principio ata hoxe mesmo e os seus intereses e gustos teatrais non teñen por qué ser os mesmos que os meus. De escoitar o mesmo doutros tería aforrado tempo e gasolina. E a ver quen lle tuse agora, por certo, á directora do CDG en vista do éxito de público arrollador que está tendo a Noite de Reis dirixida por Quico Cadaval (se queredes vela xa podedes ir reservando entradas na teletaquilla, que en Santiago non quedou unha).
Tocante ó asunto da felicitación por parte do IGAEM e da Consellería xa dixen, e repito, que pode deberse a que o correo vaia moi lento ou o teléfono estea demasiado ocupado. Agora mesmo xa podo dicir que onte pola mañá recibín un agarimoso telegrama da direción e persoal do IGAEM que trouxo o carteiro con outro da Presidencia do Goberno de España; ben fermoso tamén, demostrando que o que o redactou lera o texto e sabía que aínda non foi posto en escea. E digo tamén o que dixen para esa entrevista do País á que se pode acceder online: que supoño que a Cultura Galega non estará molesta comigo polas críticas que fago e que tanto se repetiron estes días ou por gañar este premio. Así que, do mesmo xeito que a diario utilizamos certos protocolos que nos salvan a vida e temos, por exemplo, que circular polo noso carril, ou seguimos certas normas de urbanidade que nos obrigan a dar as gracias cando nos axudan, os que vivimos neste mundo da cultura no que tanto e tanto tempo e papeis temos para falar tamén debemos seguir certas pautas de comportamento: eu xa agradecín neste mesmo bló, por teléfono e por correo electrónico a todos os que considero que son partícipes do premio, e incluín na lista, por suposto, tanto á Consellería como ó IGAEM. É posible que a Consellería considere que, sendo a Conselleira ó mesmo tempo presidenta do IGAEM, a felicitación estea feita. Pensemos isto e por min xa vale.
Aínda que para deixar bo sabor de boca recomendo ler o magnífico artigo de Manuel Rivas no País do venres -que é sobre o que hoxe quería escribir-. Estou preguntándome en cal das categorías que tan ben define debo encaixarme. Ós deuses e diaños do mundo pido que sexa na de rosmón, envexoso, perrenchas ou encabuxado, e, como último dos males, acepto que se me meta na de cínico camanduleiro.
E agora, así sen ligazóns, ás presas e con moita ledicia, déixovos, que hoxe festexamos o cumple dos pequenos na casa e, de paso, que eu son un Peneledé e Carlos Losada un Manuel María e aínda non fomos buscar as cousas para a festa. The rest is silence. Ese Chespi si que sabía, ben certo é.
Steak tartare
-
(Si, a min tamén me gustan as cousas crúas)
Solombo de tenreira, ovo, cogombro, alcaparras, mostaza, aceite de oliva,
soia, pementa negra, Worcestershire sa...
Hace 1 hora.

18 comentarios:
Sobre todo PARABÉNS!!!!!! Un pouco retrasados pero igual de entusiastica e xubilosicamente sinceros:) Igual son eu que son un mal bicho (si que o son, xa cho adianto) pero se fora eu a premiada, agraciada e parabenizada, a maior satisfación sería darlles na cabeza a todos os que non cumpliron a súa palabra.
Parabéns tamén para os centoliños. Cumplen dous anos? Foto, por favor!!!!
O Chespi ese é capaz el só de levantar todo o teatro galego. E cunha obra soa. Mira que pode ter mérito. Haille que colgar unha medalla Castelao.
Gracias Raíña, xa estaba eu co pano de chorar porque aínda non recibira a súa felicitación. E o de que é tarde, nonnonnon. Xa compensa todo o demáis e me pacifica. Si, "to", din eles. ¡Foto en camiño!
Míster Arumes: dígolle eu que un jicho así convertía o teatro do país en sector económico estratéxico. Hai quen decidiu a carreira que estudiou polo tipo ese. Que xa hai que estar mal da cacerola. Pois hai, asegúrollo. Sentados nesta mesma silla.
¡Saúdos!
Non te estrañes...O talibán Luis Bará & company son especialistas en politicas ignorantes e sectarias...só hai unha palabra para definir a política cultural do bloque nesta lexislatura: DECEPCIONANTE. Preguntade...preguntade ós escritores, ilustradores e pintores galegos que non "militan"...
Agora só queda agardar que algún promotor aposte por un texto gañador do Premio Nacional. Sería moi moi moi triste que Limpeza de sangue se representase en castelán, catalán ou italiano (por poñer exemplos) e non na súa lingua orixinal pola cabezonería da directora do CDG, que está onde está non para aportar os seus gustos persoais se non para cumprir as súas obrigas, e a representación de Limpeza de sangue, como gañadora do Álvaro Cunqueiro, é unha delas.
Sería tamén moi triste que o seu único mérito fora o éxito da obra de Quico Cadaval, magnífica por outra parte, e óxala que haia moitos éxitos como Noite de Reis.
Só queda desexarlle o maior dos éxitos nas súas reclamacións. Triste, moi triste. Un saúdo.
Non, Nacho, non: o IGAEM está obrigado a sacar a concurso a posta en escena do texto (aínda que agora esa base xa non existe, eliminárona), pero o CDG non ten ningún tipo de obriga respecto ó texto nin ó premio. Outra cousa é a opinión sobre se debera tela ou non, claro.
E si, sería un pouco triste...
Mil perdóns, errei nas miñas suposicións entonces. Só agardo que Limpeza de sangue se represente e que poidamos velo (e en galego).
De perdóns nada, ;-D, veume moi ben para dicir o que penso: que o CDG debería ter xente no xurado do premio e a posta en escena dos textos premiados no Cunqueiro debera producila esa casa.
neno, te dieran la guita o no te la dieran? Pos que te la dean ya. Es lo único que queda. Y dispués invitas a unos cacharros, que la droga ya la dejaras, no?
¡No me la dieran, neno! Agora bebo birras. Más nada.
En primeiro lugar, NORABOA, Rubén.
A verdade, Rubén, coma espectadora esixo un espazo escénico para Limpeza de sangue.
Fod..r!!!!!!!!!, non te maxino bebendo birras jejejeje. E que penso que aínda es un raparigo.
Xa me perdín. Ah!!!, eso...uf! como me custa arrincar. Non sei por onde empezar porque temo che pareza mal ou me tomes por unha instrusa, pero o caso é que me sinto moi mal polo trato que se lle está a dar ós autores "descoñecidos". Sempre coas mesmas escusas: a cuestión económica e a escasez de autores.
Pero como eu non entro polo aro, dende esta vila estou esixindo ás autoridades competentes un espazo escénico para a túa obra.
Unha aperta desde Noia
Gracias, Sabela. Estou aquí guarismando a ver quen vés sendo...
É moi doado. Pensa nos aredores da casa "século XX" jejeje.
¿Sabela? Sabela... ¡Sigo sin caer! Pero xa o teño máis fácil, sospeito. Cando teinicie o cerebro pola tarde despois da siesta pode ser que me acorde.
En horabuena Ruben, fue una sorpresa leer en el periódico de ayer el NOTICION del día, todo lo demás dejó de tener importancia, en una tranquila sobremesa en Vilanova de Arousa, un fuerte abrazo Geli y Miguel, "LIMPEZA DE SANGUE" formará parte de nuestra biblioteca a la espera de tu dedicatoria.
¡¡Hala!! ¡¡Qué sorpresón!! ¿Qué tal Julia? Espero que todos ben, moitísimos bicos e moitísimos recordos.
Aparece por aí o meu correo, xa sabedes: rubenruibal@hotmail.com
¡Gracias polas noraboas!
Imaxina que é verán, vai moita calor e desexas darte un chapuzón no areal de Boa. Mira ó teu redor, ¿quen está na praia? Posiblemente unha muller maduriña, canosa, rugosa, estriosa, obesa, morena...en fin... Son eu, a mesma, a que te maxinas.
:-S (Nada)
Publicar un comentario en la entrada