01-feb-2008

"Eléctricas", de Manuel Lourenzo (e II)

A continuación, o texto que onte intentei ler, con máis ben pouca fortuna, na presentación de "Eléctricas", de Manuel Lourenzo.

A verdade, e perdón por usar esta mala palabra, é que estou acojonao. Cando me chamou Manuel Lourenzo hai unhas semanas e me ofreceu presentar un libro seu díxenlle que si. Sen pensalo, xa antes de lelo, antes de saber nada del... ¡claro, é Manuel Lourenzo que me chama a min para presentar un libro! Como para poñerte con dúbidas.

Pero é que resulta que a proposta (e isto penseino despois) é que un tipo relativamente novo (aínda que menos do que quixera) e con moita menos experiencia da que quixera se poña a falar dun libro de Manuel Lourenzo, que é o home máis importante na historia do teatro deste país polo seu traballo a moi diferentes niveis: autor, actor, director, ensinante, editor, creador de compañías e de escolas...

Ademáis resulta que o libro pertence ó catálogo de Laiovento que, ó meu parecer –e espero que ninguén lle vaia co conto a Edicións Xerais de Galicia antes de que liquiden comigo os moi lucrativos dereitos que cada ano adoitamos recibir os autores de teatro – Laiovento, dicía, ten un dos catálogos máis interesantes da nosa literatura, no que este "Eléctricas" fai xa o número 224 sen contar con outras coleccións como "ForadeSerie", os "Breviarios" ou os aquí tan familiares "Cadernos" de Laiovento. Por se fosen poucos estes medos, resulta que eu nunca participei, ata agora mesmo, na presentación dun libro, nin propio nin alleo, a non ser como espectador e sempre calado. Pero é que aínda hai máis motivos para o meu acojone, con perdón, e este é o máis gordo de todos: eu son un auténtico lacazán, así que cando me plantexei o choio este dunha maneira "canónica", pasou o seguinte: para empezar, díxenme, fago unha breve introdución bio-bibliográfica de Manuel Lourenzo. Púxenme a buscar e a biografía con xeito máis corta que atopei eran 26 páxinas, o número de espectáculos estreados ou nos que participou íaseme dos números coñecidos, un listado de obras publicadas levoume ata o máxico número do brandi, 103, e intentar facer unha especie de resume crítico da traxectoria literaria parecíame ousadía, dun lado polo volume do traballo incansable e envexable de Manolo e doutro lado porque aínda que quero ser lector do que publica teño por seguro que descoñezo moito máis do que coñezo da súa obra. En fin, e xa para acabar coa excusa non pedida: que non podía tirar por ese camiño sen perder a saúde por un lado e sen estar armado para impedirvos saír de aquí en varios días por outro, así é que unha vez que vin que estaba xa metido na trampa e que non tiña máis opción que poñerme a falar aquí diante de vós e de Manolo, decidín intentar este traballo esquecendo que durante anos estiven matriculado na Facultade de Filoloxía e ata me deron o papelote final (que non sei en que mudanza extraviei) e falar de "Eléctricas" como o lector vicioso e o lector fetichista que son.

Eu, vouvos facer agora unha serie de confesións, son dos que intenta disfrutar dos libros con tódolos sentidos: gústame apalpar o material das capas, gústame percibir a calidade do papel, gústame escoitar como soan as páxinas cando pasan ou se rozan entre elas, ¡disfruto cun libro coma este nas mans!: contemplándoo con calma, ben deseñado, ben maquetado... A portada que vedes está adornada cunha ilustración de Ana Pillado que, aparte de poñerlle fermosas imaxes e este e a anteriores libros de Manolo en Laiovento, é a ilustradora de marabillas como a adaptación do conto de Poucapalla editada por Kalandraka e é tamén, se non ando errado, pintora, escultora, ceramista, poeta, e é, por iso enredo tanto, a persoa á quen Manolo dedicou este libro.

Pero volvo a aquilo dos sentidos. Agora, estou seguro, máis que fetichista ides chamarme pervertido, anormal ou ¡eu que sei o que!, pero xa vos dixen que ía facer unha serie de confesións: e é que eu non me conformo con mirar ou con tocar os libros. E aínda que de momento non lle metín o dente a ningún para catalo, gústame incluso gusmiar neles, coma os cans. Disfruto do arrecendo da tinta mesturado co cheiriño do pegamento do lombo e do papel, pero é que, a medida que o tempo pasa, os libros acaban ulindo distinto: cando xa non son novos os libros dun ulen como a casa propia, por exemplo, e por iso gústame levalos nas viaxes, cando durmo fóra; pero é que logo están os libros que traen os olores de quen chos emprestou ou de quen os leu antes ca ti; e así ás veces estás lendo e é como se estiveses fumando o tabaco que o amigo ou a descoñecida que vai á mesma biblioteca fumou mentras o lía. E a cousa non acaba aí: o arrecendo do libro, e isto é unha evidencia na que si estaredes de acordo, xa é absolutamente outro, moito máis intenso cando acabaches de lelo. E aquí vén o bo e ademáis aproveito para baixar da nube na que estaba subido: despois de ler este libro, "Eléctricas", podo dicir que ó arrecendo que me queda é a litio. Litio, si, elemento químico número nonseicantos. O das baterías. "¡Este toleou!", di Manolo; pode ser. A ver se me dou explicado: un día, hai tempo, lin unha teoría sobre a morriña. Seica hai estudios científicos que afirman que os galegos somos morriñentos porque na nosa terra (con minúsculas e con maiúsculas) hai unha alta concentración deste elemento químico: o litio. Así é que cando imos fóra, lóxicamente, o que nos pasa é quedamos medio amoucados (ou amoucados enteiros os que xa o estamos amoucados a medias aquí). Resultado: pasar pra alá de Pedrafita e poñernos a botar alalás meláncólicos e lánguidos é cousa dun par de pasos e éo por causa do mono de litio; polo síndrome de abstinencia do litio. ¡Pero non acaba aí o conto!: porque logo souben (falando cun amigo que hoxe mandou excusa para non estar entre nós porque sabía o que podía caer, Xosé Manuel García) que o litio é un compoñente de uso farmacéutico moi extendido nos tratamentos contra a depresión e outros males da cabeza, das hormonas, da alma, do corazón ou dos adentros e, claro, aí cadroume todo. Cadroume incluso o feito de ter collido este libro, empezar a lelo e que o corpo todo se me fose poñendo contento. Estabao lendo e subíame a risa á boca, notaba como medraban as ganas de poñerme a facer teatro –cousa que me pasa moito cos textos de Manolo, polo que o considero unha fonte de problemas ó respecto como o lacazán que son.

Pero aínda hai algo máis perigoso e máis fermoso no feito de ler a Manolo: ás veces leo en voz alta, porque tamén hai que disfrutar os libros de oído, claro... ¡e é que logo quédaseme a música gravada! A estas alturas de século XXI aínda lembro diálogos completos de "Cando chega decembro", unha montaxe sobre un texto seu na que participei na primeira metade dos noventa. Pero mellor será que non siga cos asunto dos sentidos, que poña un pouco de sentidiño e me centre algo máis no libro, porque se non non acabo máis e logo Manolo dime que escribo cousas demasiado longas.

Estes textos teñen, sobre todo dous deles, "Forzas Eléctricas", que é o primeiro, e "A Comisión", que é o último, un punto cómico, ben distinto entre as dúas, no que Manolo se desenvolve cunha lixeireza e unha facilidade abraiante para quen intenta aprender o oficio de escribir comedias. E se me poño a falar dos textos como amante do teatro de vez de como lector teño que dicir que a intelixencia de Manolo ó imaxinar e construir estas pezas é rotunda, son prodixios de economía teatral, non necesitan do adorno nin da trucaxe nin da maquinaria que outros precisan (ou precisamos) para armar a obra. Estás lendo e ves teatro, sáltache a peza ós ollos, se o les en voz alta funciona, empezas a imaxinar o que os personaxes fan e sabes que aí detrás está a experiencia artesana de quen escribe pero, ademáis, hai maxia: maxia para peneirar as palabras e quedar coas necesarias, para non ter medo de repartir leña por aquí e por alá sen que o discurso do autor sexa un lastre, maxia para atopar os mecanismos do noso humor en vías de extinción, da nosa retranca e, aínda que eu confeso que son de risa fácil e ata inoportuna, incluso da nosa gargallada... Para min hai dúas escenas neste aspecto, aparte de moitas réplicas e situacións contadas, que xa nas primeiras lecturas resultáronme impagables: a da morte de Existo no picnic nupcial con Clitemnestra, en "Forzas Eléctricas", e o parlamento do director teatral da última peza, Lilo, imaxinando unha escena do espectáculo que van producir coa axuda económica miserable que lle van conceder os que deciden fechados, supostamente, nunha estancia contigua, e contando como todo o teatro galego se vén abaixo nunha poza lamacenta. E inmediatamente despois da risa, claro, o corazón encollido.

Esta, e vou por fin a tentar ser ordenado, foi a primeira das pezas que lin: A Comisión (que é a última das tres na orde do libro, pero é outro vicio deste animal, empezar os libros polo final ou andar lendo a saltos). Nese texto un director, un productor e unha actriz esperan a decisión dunha comisión de axudas na que se supon que teñen un amigo infiltrado. Arredor desa trama, tan complicada como vedes, Manuel Lourenzo constrúe tres personaxes tan recoñecibles, tan cercanos, tan odiosos, tan entrañables, tan vivos que ata os imaxinas sudando e cheirando, en parte, claro, porque te ves retratado. De verdade, e díxenllo a Manolo cando o chamei para avisar de que recibira o libro na casa: foi estar lendo e insisto, entrarme ganas de facer o texto.

Algo semellante pasoume logo con "Forzas Eléctricas", a primeira das pezas do libro, que vén sendo unha recreación disparatada de Electra –e pido disculpas polo adxectivo, pero é que o meu mestre Bolaño sempre dicía que algúns dos xéneros das súas pezas eran a desgracia e o disparate. En "Forzas Eléctricas" os chispazos son contínuos, as escenas sucédense con axilidade, os discursos se superpoñen, é un texto crítico, intelixente, cheo de faíscas de humor, cos personaxes tan ben definidos na súa aparente sinxeleza farsesca, que segue proporcionando pracer nas seguintes lecturas, dou fe. Esta peza, se non apuntei mal, foi estreada no ano 86 pola compañía Luis Seoane baixo dirección do propio Manolo.

A outra peza, da que aínda non falei, leva por título "O Maratón Sentimental de Elisa Fortes", e é sen dúbida a que máis traballo custaría ubicar no andel das comedias: é unha especie de enredo de amor e poder arredor da produción dunha ópera e, sobre todo, do funcionamento dunha familia e dunha empresa xornalística. Por aquilo de buscarlle unha unidade ó volume –e aquí vedes que xa está saíndo o filólogo que levo dentro así é que mellor será que vaia rematando –para min relaciónase coas outras dúas pola existencia de máscaras, de seudónimos (igual que en "Forzas Eléctricas" os personaxes acubíllanse en sucesivos apelidos), de imposturas, de enganos que usan os poderosos, os Fortes (que ese é casualmente o apelido da familia) ás veces agachados por tras das tan sospeitosas boas intencións, para artellar os seus plans. Pero a peculiaridade desta peza respecto ás outras dúas é que os feitos están expostos con crudeza, non hai ocasión para a risa. E precisamente o poder en diferentes ámbitos (o político, o dos negocios e o do teatro) é, para min, outro dos fíos que liga as pezas e por aquí tira, xa para acabar pola miña parte, a primeira das preguntas que quería facerlle a Manolo. Antes diso, e xa para rematar e con todo o convencemento e paixón con que pode facerse, recoméndovos a todos que leades "Eléctricas" porque habedes de disfrutalo, con seguridade, tanto ou máis ca min.

2 comentarios:

X dijo...

Concordo con vostede na valoración do labor editorial de Laiovento e, sobre todo, comparto a admiración por Manuel Lourenzo. Aínda gardo na retina a súa presenza cega no Edipo Rei da sala Luís Seoane no ano 1983, aquela foi a miña estrea como espectadora de teatro, unha experiencia inesquecible.
E súmome tamén ao seu club de fetichistas dos libros.

r.r. dijo...

Mimá, X, moitas gracias por asistir como espectadora virtual. Creo que es a única persoa do mundo que leu o texto enteiro, parabéns pola túa paciencia =;·D