31-jul-2008

Impotencias

Non quero enganar a ninguén: o que máis impotencia me provoca é non estar invitado, non volver falar de Limpeza de Sangue na Feira do Libro da cidade na que foi escrito e na que sucede o que na peza se conta. Feira do Libro á que, coma moitos por estas terras, teño grande aprecio ademáis do costume de achegarme a ela. Pero como este bló, ademáis de polas ansias de autobombo, está alimentado (pouco, ultimamente, a verdade) polos desafogos, aí a vai a miña queixa pola ausencia absoluta que sospeito (¡unha vez máis!) de presentacións de libros de teatro na programación da 37ª Feira do Libro da Coruña. Aínda que a ninguén parece importar este conto.

Utilizo o verbo sospeitar porque levo os corenta minutos que median entre os meus dous comentarios no post de Alfaias buscando o programa da Feira deste ano, pero o máis achegado que encontrei, a maiores das cousas da prensa, é unha anotación no bló de Xerais que se refire ós actos da editorial. O secretismo fai que me dea menos pena non estar como participante invitado a falar. Aínda que dende logo que si que me colarei como participante lector, está dito, cando menos arredor do día 4 ás oito...

Para rematar este post de absurdos, anuncio que á Feira á que si que me levan, con cargo ó Ministerio de Cultura, é á Bienal do Livro de Sâo Paulo, para participar nunha mesa sobre literatura dramática o día 20 no Salâo de Ideas, acompañado por José Sanchis Sinisterra, Santiago Martín Bermúdez e Juan Luis Mira. Á vista dos acompañantes procurarei estar caladiño e tomar notas. O mesmo que procurarei, á vista de que determinadas noticias parvas interesa mantelas ben á vista, non beber moita caipirinha nas festas.

¡Ah, si!, impotencias, puxen por título: porque como tampouco atopei a entrevista a Calveiro nA Nosa Terra que anuncia no seu bló, supoño que o problema será de incapacidade propia, cagontodo. Cando menos no asunto cibernético. Se logo nos preguntamos por qué as cousas non funcionan, algo de culpa haberá que botarlle ó desleixe de quen o organiza (e falo do programa secreto, non de non invitarme a min, ollo).

PD: Se alguén atopa o programa da Feira do Libro da Coruña deste ano ou a entrevista co amigo das Alfaias en ANT, por favor, que pegue a ligazón
PD2: Como o dos libros de teatro na Feira sucede por segundo ano consecutivo, eu tamén repito foto.

9 comentarios:

arume dos piñeiros dijo...

Amigo rr: non vou estar na coru para pegarlle unha aperta de carallo. Unha mágoa. A ver se por delegación fraterna pode chegarlle algo de min. Eu tampouco non fun quen de entrar no de alfaias e ben que o tentei. Ao mellor non sae en internete e hai que mercar o semanario. Sobre a feira do libro da coru, mirarei e se atopo cólgoo. O de Sao Paulo, un puntazo. Lémbrese dos mortais. O outro día saiu vostede no especial de teatro de Babelia. E como este é bló de autobombo paso a noticia para que a poña.
Bicos e sorte en todo, arrecarallo.

mourullo dijo...

Levo preto dunha semana espremendo a rede (penso) coa búsqueda do programa da Feira.

O máis próximo, ata o de agora, é botar unha ollada na axenda da páxina da Asociación de Editores Galegos, entre o día 1 e o 10 de agosto.

Na páxina do Concello esto é o que hai.

E na páxima dos organizadores, a Federación de Libreiros de Galicia, non hai actualidade.

r.r. dijo...

Arume, pronto habemos de vernos, ou... E si, saiu algo no Babelia pero creo que nada que non se soubese xa. Nas feiras de Galicia non existen os autores de teatro e en Madrid case non existe Galicia, que vén sendo bastante máis grave... Mandareille unha postal brasileira.

Mourullo, moitas gracias polas ligazóns pero non me faga moito caso. Xa se me pasou o cabreo e en canto baixe á Coruña fareime cun programa (se é que o hai) na caseta da Feira e asunto resolto. O falar, xa sabe...

¡Saúdos!

r.r. dijo...

Esa páxina do concello é perfecta para realimentar o cabreo, señor Mourullo, xD. "Prosas e versos"...

Menos mal que aparece Manuel Lourenzo no xurado do premio da FNAC, aínda que non sei se non se tratará do Manuel Lourenzo que é narrador...

Ana Bande dijo...

Manda carallo...¿lévano ao Brasil e non á Coruña? Bueno, pois miremos a parte positiva, mellor ir tomar unhas caipirinhas no Brasil que as cervexas do bombilla que xa o coñece abondo ¿non si? manda truco na Feira.

r.r. dijo...

A parte negativa: se non me invitan este ano coa lata que dei, é que xa non me levan nunca. E ademáis, as birras da Bombilla está demostrado que me gustan, pero as auténticas caipirinhas... ¿?

Alfredo Ferreiro dijo...

Eu pregunteilles directamente na web da Federación de libreiros para que a querían se non divulgaban os seus propios eventos. Prometeron, automaticamente, responder.

r.r. dijo...

Non semella que a web estea moi atendida, non. En todo caso, é vostede, como dicimos por aquí, outro queixón.

O que penso eu agora é se a despreocupación pola promoción da Feira na Rede non terá que ver coa fortuna de que os visitantes están asegurados no centro da Coruña no mes de Agosto...

r.r. dijo...

Déixoo que vou alá.