05-ago-2008

37ª Feira do Libro da Coruña: primeiras impresións e presentación de Festina Lente (post para ler en fascículos, co título estades avisados)


FASCÍCULO PRIMEIRO, NO QUE O PERPETRADOR CONTA AS DIFICULTADES PARA SAÍR DA CASA EN AGOSTO.

Agosto é un mes lacazán. Os máis dos parentes e amigos están de vacacións e non teñen en conta que un ten obriga ou mesmo prazo de entrega para traballar (menos aínda se o fai na casa) así que a todas horas e sen permiso a horta énchese de visitas, a cociña de rapazolos e mesmo de vellos que piden comida, na sala hai pelexas polos mandos a distancia e aparecen os DVDs insertados no lector de compactos, a siesta vén sendo un luxo lonxano que un mira con olleiras e a soidade do escritor, de ser necesaria, hai que ir buscala a San Nicolás de Cines, ou mellor aínda á terraza da Rectoral, aproveitando que cae ben a pé pero correndo o risco de quedar un por maleducado e pouco hospitalario, famas ambas que pouco me agrada que se me atribúan. Por outra parte, se en agosto a un lle urxe amañar algún papeleo resulta que as administracións andan, sendo xenerosos, ó ralentí; poderiamos dicir que unha visita a algún edificio de oficinas públicas lembra a resposta daquel bedel á protesta do usuario:
- ¡¡¿¿É que aquí non traballan polas tardes??!!
- Cando non traballan é polas mañás. Polas tardes non veñen.


FASCÍCULO SEGUNDO, NO QUE O PERPETRADOR ATOPA A LINGUA METIDA NUN CEPO.

O caso é que entre papeleos, visitas e mesmo okupacións curiosas (aínda que non tanto como outras), ata onte pola tarde non puiden baixar á Cidade Balneario para visitar a Feira do Libro. Tiven que facer gala dun chisco de maleducación e falta de hospitalidade (alimentadas pola carraxe de terme perdido xa varios actos atractivos) e proibín visitas ós meus "dominios vixésimos", como os bautismou o señor da Borralleira. Conseguino e alá fun. Xa expuxen as miñas queixas dende a distancia por asuntos organizativos, pero no primeiro paseo que dei polas casetas dos Xardíns de Méndez Núñez as valoracións de Brétemas e Martin Pawley víronse confirmadas: a presencia de libro galego, sendo políticamente correctos co adxectivo, anecdótica, pese á pasta gansa que pon a consellería. Mesmo hai casetas nas que non é posible atopar un só exemplar de libro na nosa língua (e non falo da dos mapas do Instituto Xeográfico Nacional). Aínda así, por fortuna para lalenguadelimperioenpeligrodedesaparicióninminente, os seus defensores seguen ó pé do cañón. Parece que no partido das ovellas queren cambiar o pelexo pero mandan os mesmos lobos; “señal de que caminamos”, querería deixar eu por única resposta ós últimos acontecementos ó respecto das linguas en perigo, pero creo que queda quixotesco de máis e nese partido e os achegados (que se manifestan) lese pouco, así que ando escribindo un tomo enciclopédico (por lonxitude, aínda máis que este) que pronto colgarei no resucitado bló. Máis que nada por colaborar co rumor en contra do balbordo mediático a favor (ó que, por suposto, non poñerei un só enlace)

FASCÍCULO TERCEIRO, NO QUE O PERPETRADOR CHORA POLO TEATRO FEITO LIBRO E ACABA CONSOLADO EN PÁXINA ALLEA.

De libros de teatro na Feira non, por favor, prefiro non falar, porque escribir con bágoas colgando dos ollos non se me dá ben, confundo bes con uves, e acabo insultando a aqueles ós que quero botar cumpridos. Cumpridos que si boto ó feito de que, cando menos, está programada nesta edición, para xoves ás sete, a presentación dun libro de teatro, coa vantaxe de que como os autores que nel participan son moitos, bos e variados pódese dicir que a autoría teatral galega está ben representada na feira. Asumo a parte porcentual do erro na crítica encabuxada que fixen o outro día. O libro, que edita a Autoridade Portuaria da Coruña e leva por título “Vidas do Mar”, recolle textos de Eduardo Alonso, Inma Antonio, Lino Braxe, Raúl Dans, Gustavo Pernas, José Luis Prieto e Pedro Ángel Ramos, e está ilustrado por Daniel Beiras. Espero que sexa máis doado de conseguir que o de Yolanda Castaño, que, polo que di Pawley na súa crónica, tiña lectores que querían que lles firmase o libro que na feira non daban conseguido. De momento, na Rede, non conseguín máis información sobre el, pero xa podo dicir que non me estraña. Logo, ademáis, xa quedarei para a presentación do libro de Xavier Alcalá, que contará con Alfredo Ferreiro e Víctor Freixanes como acompañantes.

FASCÍCULO CUARTO, NO QUE FALA DAS MOITAS XENTES QUE COÑECEU E RECOÑECEU NA FEIRA E POR FIN PISA NO ASUNTO DO POST: A PRESENTACIÓN DUN LIBRO.

¡Qué tanto rollo! O mellor da tarde, e xa vou ó gran, ademáis de coñecer a Pablo, a Pawley in person(que traía con el o único exemplar de Limpeza de Sangue que vin pola Feira), a Sihomesi que fuxiu coa escusa de pagar un taxi de uso alleo, a José María Bello (ou O Siñó dos Pelos, como o chamou un dos centoliños), e de reencontrarme cos señores e señoras das Alfaias, as Brétemas, as Minas e máis dos Pelachos (e mesmo cos Pelachos themselves, armados de Gameboi para superar o cativerio) foi a presentación de Festina Lente, baseada, logo da presentación de Manolo Bragado, nun diálogo entre o autor e Óscar Sánchez. Ameno, entretido, rico, daban ganas de (volver) ler o libro. E podería botárseme a culpa de ser amigo ou coñecido e lector satisfeito da obra publicada de Marcos Calveiro (na presentación souben que hai privilexiados que poden acceder ás súas obras antes que o resto dos mortais), pero é que mesmo a miña señora sogra, que se atreveu a asistir conmigo a un acto culturetas pese a que o cuñado a desanimou con xeito, recoñeceu que a presentación fora ben divertida, que tamén lle deran ganas de ler o libro. Prestareillo, Marcos, síntoo pola túa conta bancaria.

Xa para empezar, o editor, e só por isto pagaría a pena ter asistido (alá vós, que non fostes), rebelou o nome da persoa que se agocha tralo seudónimo “Arume dos Piñeiros”, por causa da crítica que xa publicou sobre o Festina Lente. Pero o editor tamén valorou o post sobre o libro que apareceu en “As túas balas”, outorgando ó fenómeno do blogomillo un elo de peso no que el mesmo chamaría “a cadea de valor” da nosa literatura.

Logo Óscar Sánchez presentou a Marcos Calveiro como “o mellor que lle pasou á literatura galega nos últimos anos” e puxo a andar un interesante diálogo con el que xogou, ó meu modo de ver e con respecto ó libro, o mesmo papel que os autores queremos xogar con respecto a aquilo que contamos: rodeámolo con palabras, apuntamos os camiños que levan ó asunto pero non os seguimos, tocamos os conceptos que poden funcionar como resortes para a historia pero non paramos moito no resultado... Sería unha boa imaxe o arqueiro que dispara a tódalas cores que rodean o branco; pero… ¿dar no branco?: iso queda para o lector. Así coñecimos a influencia confesada de Pascal Quignard neste texto de Marcos, soubemos desa busca en parella do asasino da novela que se produciu de sábado a mércores antes de entregar o texto á editora, apalpamos no ámbito da carposa (Pawley dixit) os aires malos da Compostela do XVI que pretendían atenuar as xentes con romeiro e loureiro queimados para de paso alonxar a peste, presenciamos as corridas de touros e as loitas deportivas de lanza en ristre entre fidalgos na Praza do Obradoiro contadas por Calveiro, soubemos das carreiras de cabalos dentro das murallas que me levaron o recordo ó Palio de Siena; escoitamos falar, por fin, dos olores e dos sabores como fonte de inspiración alternativa para o novelista neste mundo escravizado polo que percibimos polos ollos cando, como máis ou menos véu dicir Marcos, fala moito mellor das nosas vidas o sabor dunha croqueta hospitalaria de hai trinta anos que as últimas fotografías dos nosos carnés. Resumindo: puidemos imaxinar o universo arredor de Festina Lente; como xa dixen antes, a presentación deu ganas de (volver) ler o libro. Cando o faga colgarei por fin esa crítica prometida. Non llo xuro pero case, señor Calveiro.

FIN

P.D: Disimúlenme a extensión. Para o de usar inglés tiña excusa, pero non a lembro despois de tanto escribir. Normal.
P.D(7/8/08): Dúas cousas que esquecín: unha cita de Óscar Sánchez na que convén insistir, "escribir é un acto de amor á humanidade" e unha suxerencia: a ese libro fáltalle un mapa da Compostela da época.

14 comentarios:

Pablo dijo...

Grazas pola parte que me toca, se ben, o afortunado fun eu. Unha apreta.

Martin Pawley dijo...

Es-pec-ta-cu-lar!

sHs dijo...

O do taxi era verdade redonda. Viña ocupado pola familia -case- toda. Lamento non poder ter conversado máis, pero a estas alturas xa non podo arriscarme a tentar conseguir outra unidade familiar xeitosa...E da presentación fun secuestrado por Antón Lamazares, como se testemuña en Días Estranhos.

r.r. dijo...

Señor SHS: ¡Escusas! Oxalá haxa outras ocasións para esa conversa.

Señor Pawley: exactamente iso quería dicir eu da presentación, pero a miña capacidade de síntese está en busca e captura.

Pablo: a ver se coincidimos tamén con máis tempo.

El Cuñao Arrepentido dijo...

A miña capacidade de convicción e proporcional a miña intelixencia (ningunha), e para súa sorte a soghra no me fai caso algún.
Non foi de desanimo o xesto, foi de advertencia porque as veces determinados actos son dignos de un suicidio colectivo.
Alégrome que non fora así, senón todo o contrario, e celebro o pouco caso que me fai sempre sogra.
(PD: Como acto de constricción escríboche isto en Galego que xa sabes o que me costa)
Unha aperta

Mosqueado dijo...

Son moi boíño e “case” estiven quieto.
Unha aperta e bicos os centoliños maila centola.

Ana Bande dijo...

O de Rubal, se longo, dúas veces bo....mmmm....v.g. este post.

r.r. dijo...

Vostede non é de fiar, Ana, o título fanembergüan dío todo: un quedou, cando menos, atrapallado. Moitas gracias pola crítica de "Insomnio", débolle post polemizando =;-/

Pero peor é o cuñado (aínda que mírao que boíño, aturando trolas que botan por el acusándoo de sabotear actos culturais...)

paideleo dijo...

Tiña razón Martin Pawley cando dicía que este posteo é mui bo.

Pablo dijo...

Benquerido rr: Pola miña parte, cando queira. Apretas.

r.r. dijo...

Ai, Paideleo, pois a min paréceme que o que é moi bó é vostede. Abrazo grande.

Pablo: ¡a poñer data! Eu hei de andar máis pola feira, a ver se coincidimos. E se non, correo.

Alfredo Ferreiro dijo...

Clap-clap-clap!, señor RqueR, eu tamén aplaudo o post.

arume dos pigneiros dijo...

Andan a falar de min polas corugnas adiantes e eu en gòndola. Menos mal que tegno un corresponsal de primeira a quen lle mando unha aperta de peixe.

levita dijo...

A escasa promoción da súa obra, da que pensar. Non vale o argumento de que "como é literatura dramática", entón non apreciariamos en Galicia a Shakespeare, resultaríanos indiferente o Hamlet. Paréceme que non é un fenomeno exclusivo da literatura dramática, senón da LITERATURA. Como acomplexados con mentalidade B, partese da convicción implicita de que non se pode hoxe producir literatura no pais, de primeira, universal, e en diálogo co que se esta facendo nas literaturas alemana, inglesa, francesa, española...
Por esto temos tanta preferencia polos subxeneros, pola literatura infantil, a novela histórica, a novela negra....porque se actua como se nestas literaturas literarias de segundas, si podesemos facer algo.
A literatura-literatura resulta demasiado cruda para poderse dixerir de inmediato para uns estómagos afeitos a comer as sobras recocidas, como os criados.
É curioso, o seu libro con recoñecimento importante incluido fora do lar patrio, practicamente invisibel, e toda a atención centrada nun subxenero, a novela historica, policial...de turno.

Algo ten que dar a literatura que pague tanto disgusto, eu estou convencido, de que paga, ainda que hai que sairse do coctel, da festa e da mesma cultura para trascendela.