27-ago-2008

HGO

O domingo pasado merquei prensa: quería safar da praia nunha sombra e non se me ocorreu mellor excusa; ben, si, ocorréuseme, pero ós meus anos ó resto do mundo non lle parece ben que diga que quedo a xogar cun cochiño en miniatura ou a comer pipas e chupachuses debaixo dunha árbore, por poñer dous (ou tres) casos de tentación quiosqueira irreprimible. Coa prensa debaixo do brazo seica pareces un señor e a familia considérao máis axeitado. Faltoume nada, farto como estou xa de humanos ultradopados en calzóns neste olímpico verán, para que o magazine publicitario adxunto acabara no lixo en canto vin ó jicho da portada, tamén en panos menores: un piloto de fórmula un -o único deporte, xunto co xadrez, do que non houbo competición televisada dende Pekín, sospeito.

Pero cando estaba tentando fabricarme un sombreiriño de papel descubrín os debuxos e as fotos do artigo de Manuel Rivas sobre HGO e El Eternauta e case poño para comer sesos fritos (propios) por non poder parar de ler mentres camiñaba cara o meu acubillo. Recoméndovos a súa lectura, tan lonxe das obrigas lixeiras do verán que en case toda a prensa queren impoñernos.

5 comentarios:

apicultor dijo...

Extraordinaria, magnífica a reportaxe a de Rivas.

Eu lera hai moitos anos "El Eternauta", non lembro se en capítulos nunha revista de cómics ou en album, pero si que recordo vagamente o clima desacougante e mesmo "filosófico" do mesmo. Non coñecía o seu guionista nin a súa triste historia. Deume moita mágoa e rabia que as súas catro fillas fosen vilmente asasinadas. Que lle ensinasen as súas fotos xa mortas é a expresión máxima da crueldade e da inhumanidade.

Realmente o caso arxentino foi un dos máis sobresaíntes na historia universal da infamia. Ben está que haxa xente como Rivas para que nolo recorde.

Un saúdo.

r.r. dijo...

Alégrome de que "disfrutara" da información, Don Api. A min o caso arxentino, supoño que por "cercanías", é dos que máis me interesan, pero esta reportaxe pareceume estarrecedora e lévame de cabeza á busca de "El eternauta"

arume dos piñeiros dijo...

Acabo de ler o artigo de Rivas que se me pasara esta fin de semán de volta de Italia, sobre todo tras as recomendacións familiares, entusiasmadas. Magnífico. Sobre todo, coma di o grande rr, porque destaca neste mes de historietas aparvadas e de fazañas ridículas nunha piscina ou nun campo de liñas paralelas. O Rivas ben merece por este texto un premio. Desde logo, hai que darlle infinitas gracias.
Foi curioso que citara a Hugo Pratt, lido este mes con devoción nos canais de Venecia. Algún día veremos no Corto Maltés a estampa de Manuel Rivas.

Mer dijo...

fermosísima foto

r.r. dijo...

Ah, claro Mer, roubeina da reportaxe ;-D

Arumes: merece, si señor. E penso que El Eternauta merece unha lectura. ¡Benvolvido!