
O día da chegada, sen necesidade de preguntar, recibo no aeroporto a primeira lección de comportamento paulista. Cando, arrastrando a miña maleta, vou atravesar a avenida que pasa por diante do aeroporto de Guarulhos logo dos trámites e controles burocráticos e policiais de longuísimas colas, Paulo, o grande chófer da furgoneta coa que o ministerio nos leva e nos trae, deténme poñendo a súa man no meu peito. Sinala o semáforo en verde para peatóns e, con xestos, dime que, aínda así, nunca atravese: antes de cruzar, sempre mirar. Prometo obedecer e parece ficar tranquilo. Con nós vén Orlando, funcionario do ministerio que pese ó seu porte e a súa voz de marqués é un home tan agradable que tres minutos exactos despois de coñecelo xa un ten ganas de abrazalo.
Co fermoso sutaque porteño que ten ata por escrito e a precisión anatómica de cirurxán da realidade que é, o Sergio Molina xa me previra sobre ubicación do hotel, no Parque Anhembi: “eso está en la loma del orto”. En efecto, o hotel está ben lonxe de tódolos centros de Sâo Paulo, aínda que, iso si, mesmiño ó carón do Pavillón da Bienal do Livro. Por consolarme un algo co mal de moitos, supoño, o Molina contoume tamén que hai dous anos o Pavillón da Bienal estaba aínda máis lonxe: “no mesmísimo orto". Atravesamos kilómetros de autopistas de moitos carrís en cada sentido da marcha para chegar a el: unha das autopistas chámase como meu piloto favorito en tempos, co que coincido no día de nacemento aínda que non no ano: Ayrton Senna. Máis adiante, outro nome que se me fai coñecido pola información que busquei sobre a cidade na Rede: a Marginal Tieté. Nun momento no que a furgo ten que reducir a velocidade polo intenso tráfico, pregúntolle a Orlando qué faría se Paulo nos obrigase a baixar nalgunha dos miles de rotondas e illas de herba -algunha delas habitada por homes, mulleres e cans -que imos deixando atrás: “¿yo?, echarme a llorar”, contesta sen dubidar un segundo. Pasaron os tres minutos.
O hotel, presumen en carteis, é o máis grande de América Latina. Qué medo. Xa botei por obriga unha noite no hotel máis grande de Europa en Madrid e non teño bo recordo: Lanzarote-Galicia, día e medio de viaxe por cortesía dunha desgraciada compañía aérea. Dende a ventá da habitación, na noite, a cidade impoñente, escura, fronte ós meus ollos perplexos e cansos.
Pero antes, a longa viaxe: comezo o día en Alvedro (¿Albedro?) ás seis e pouco da mañá cun gicho disfrazado de madero tocándome o cú logo de eu baixar do coche e facer desaparecer, quen sabe se para sempre, a miña maleta por un tobo. Alv(b)edro: ese aeroporto absurdo, localista e imposible no que os avións non toman terra, saltan a ela. Ese aeroporto-síntoma: de vez dun magnífico en Lavacolla a unha hora da casa por autopista, temos tres merdas a media. Logo de ser sexualmente atacado, o mesmo tocador de señores obrígame a quitar o cinto e, ó tempo que temo o peor, cáenseme os pantalóns. Xa dicía o mestre Bolaño: "O da seguridade é unha obsesión, un castigo. Primeiro métenche o medo no corpo e logo pretenden sacarcho enchendo o mundo de rapazotes armados cun pistolón". Nunca pensei que embarcar nun avión fose aliviarme de nada pero así é. Tento ver a miña casa dende o ceo, pero non hai sorte, debe cadrar mesmo debaixo da barriga do aparato. O mencer convénceme de que pilotar polo aire ha de ser oficio agradable.
Pese ás advertencias inzadas de pánico dos achegados, na T4 sobrevivo sen perderme. Creo que non fai falta máis que saber ler para orientarse, ainda que se cadra confíome de máis. Entre o xentío de tódalas cores que agarda para embarcar catro horas despois de eu pisar Madrid distingo dous homes, un de sombreiro panamá e outro con mosca, que se me fan coñecidos. Penso que vou vivir o día máis longo da miña vida, porque logo de saír ás sete da mañá vou chegar a Sao Paulo ás seis da tarde logo de viaxar 21 horas seguidas con luz diurna; erro no cálculo por non contar co ¿inverno? brasileiro; tomamos terra en Sâo Paulo coa noite botándose sobre nós no medio dunha mesta néboa que me impide contemplar a cidade ata que, de tan cerca que estamos do chan, un xa pode distinguir mesmo os cans nas rúas.
Un pouco de orde, aí vai segunda lección do post, transatlanticismo aéreo: antes de que o avión despegue de Madrid iníciase a outra lección do día: o pasaxeiro que ocupa o buraquiño entre a miña xanela e o cuarto de baño xa está durmindo, suorento, con pinta de ter tomado algo. Auguro un traxecto complicado para a miña vexiga e acerto de cheo. Leo “Unha puta percorre Europa”, qué ben escribe Alberto Lema (aínda que o final da novela...) O pasaxeiro ó meu carón durme. Tento a inxesta completa do menú aéreo. Aproveitando que o grego espertou para xantar, paseo polo corredor do avión e alivio o corpo. Cando volvo para o asento, o pasaxeiro ó meu carón durme. Salto como mal podo por riba del tentando non espertalo, pobriño, e sigo lendo; miro o mar, o mar, o mar… durmo, pouco. Cando esperto, o pasaxeiro ó meu carón durme. Tamén reaxe para inxerir algo semellante a unha merenda que nos ofrecen. Cando comezamos a sobrevoar terra brasileira, o pasaxeiro ó meu carón durme. Imaxino que faltará pouco pero aínda son tres horas de viaxe máis. Véxome obrigado a espertalo se non quero que os meus adentros rebenten. Ofrécennos a cea, tento papala, aproveito que o pasaxeiro -grego, descubro - espertou para ir estirar as pernas. Unha nena abre o chaleque salvavidas e algunha das malencaradas azafatas abronca á nai. Ó longo da viaxe advirto que o trato cos pasaxeiros brasileiros é bastante menos educado que cos demáis. Para empezar, na megafonía do aparato as mensaxes dinse en inglés e en castelán, pero en portugués só se fala dos papeis de inmigración. Énchoos, cheos de faltas de ortografía, mentres o pasaxeiro ó meu carón, de novo durme.
Dende a ventá do hotel, dicía, contemplo a cidade que escurece. Baixo a cear coa xente: Clara Sánchez, Antonio Soler, Juan Madrid e os dous homes que se me fixeron coñecidos en Barajas, Santiago Martín e JuanLuis Mira. Ademáis, claro, Orlando e Teresa, os dous funcionarios do ministerio que se encargan de traernos e levarnos e botarnos unha man con calquera problema. O cansancio nos rostros: ninguén, nin sequera eu, menciona a palabra paseo. Mañá. (A foto, precisamente, é de mañá, pola noite, dende o alto do Edificio Italia).

2 comentarios:
cítoche calquera destas tardes, agás a do día nove de setembro, a tomar café ou té con galletas feitas por min (levarán canela), na miña casa; casa onde teñen tamén cabida os centoliños.
Non me faltes, agardo resposta túa,
bicos,
Bertiña
¡Pois vaia sitio para citarme! Falamos por mail.
Publicar un comentario en la entrada