04-sep-2008

Sâo Paulo (3): Da Feira e como a cada quen lle vai nela


Esperto tantas veces que non teño claro se durmín. Na ventá éncheme de curiosidade a cidade agochada trala borralla e maila néboa, ampliada no espello que fai lupa, o tránsito inesgotable de veículos pola Marginal. Baixo para almorzar e acudir á inauguración da Feira: o acto, unha letanía de nomes de editores que nin sequera admite resposta rutineira como o santísimo rosario, é tan aburrido que por unanimidade os escritores invitados polo ministerio de cultura abandonamos pronto.


Fálase de que hai que esperar ás doce ou á unha, pero sospeito que ninguén sabe a qué hora aparecerán os mandamáis para a inauguración do stand ministerial, atrapados como están na letanía do Salâo de Ideias. Aproveito os retrasos ou as imprecisións horarias para fozar polos andeis do rojigualdo pavillón e saco fotos, cómo non, dos meus libros, coa excusa de mandarllas a estaleiristas e xeralistas. Destaca no stand, por riba de calquera outra consideración de comodidade, eficiencia ou, por suposto, estética, a cualidade das cores que fixo que fosen as elixidas para a bandeira: vese dende ben lonxe. Descubro a sección da Asociación Galega de Editores, a única representada, e coñezo á xente que o xestiona. Coñezo a Leopoldo, profesor de galego na Universidade de Sâo Paulo, que me invita a ir falar cos alunos e acepto. Falo con Madrid, que rosma e fuma sen deixar de caerme ben, e cando me decido a alonxarme poucos pasos do lugar de reunión recibo o primeiro paquete publicitario na Bienal: unha empregada da Federación Espírita Brasileira entrégame folletos sobre o aborto (nâo!), o suicidio (nâo!), a eutanasia (nâo!), as drogas (nâo!), a violencia (nâo!), a familia e a construción da paz e o ben. En ningún momento vexo escrita a palabra igualdade; fraternidade si, libertade tamén, pero un trípode ten que sustentarse en tres patas; para os pobres (de peto ou espíritu) suxírese a resignación e o perdón dos pecados alleos (avaricia, por exemplo). Achegárame ó stand atraído por grandes fotos de Chico Xavier, a quen se cita en “Nunca Durmo, de Erik Cachuzo”, logo publicada por Estaleiro Editora coma “Insomnio”; a cita non era para ben, creo lembrar. Sorpréndeme a cantidade de librerías destinadas á Biblia, ó espiritual e a autoaxuda no primeiro dos longuísimos corredores que atraveso (a sensación repítese nos máis dos máis aínda que eu non o saiba), pero Bia Goldoni, experta en Valle-Inclán á que coñecín hai quince anos en Compostela, explicamo moi ben cando lle pregunto o porqué: “para vivir aquí é necesario”.


De volta no stand, Madrid segue fumando, xa sentado no borde do establecemento contiguo, dunha librería xaponesa (en Sâo Paulo está a colonia xaponesa máis numerosa fóra do Xapón e este ano celebra o seu centenario), e decídome a lle facer compañía. Pronto aparece unha morea de fotógrafos, impresionante, e no medio o Ministro de Cultura. Cando, ó pouco, chega o gobernador do Estado de Säo Paulo, a intensidade dos flashes e o número de cámaras multiplícase por bastante máis de dous, vese que xoga na casa. Como son novato nestas cousas fálolle a quen queda ó meu carón, creo que é Leopoldo, do duro que ten que ser levar a vida de Ana Obregón. Coma por milagro, inmediatamente, aparecen o viño e os pinchos. Sospeito que é unha táctica para que nos aledemos de xeito inconsciente cando un cargo público se achega a nós. Despois, os protocolarios saúdos e fotos que xustifican a viaxe. En toda a semana que boto en Sâo Paulo, a inauguración da Bienal é a única noticia que atopo pola prensa do Estado. Alá, dos actos nos que participamos os autores españois non atopo máis que a referencia na axenda dos xornais. Explícase así (entre outros motivos que por orgullo prefiro non citar) o escasísimo público en tódolos encontros de escritores. Algún deles consólame dicindo que o importante é que nos coñezamos. Calo a resposta de que, por coñecernos, se cadra en Ciudad Real, por poñer un caso, saía máis barato.

O Pavillón da Bienal é un edificio no que collen quince rúas de por aí un cento de metros cheas de stands de librerías e editoras. Fálase de millón e medio de libros. Ademáis, varios espacios para conferencias, mesas redondas, espectáculos, restaurantes, bares, carriños de vendedores de auga de coco… Teño unha semana por diante para intentalo. Caso de que a cousa se poña mal, como bo galego consolareime papando un churrasco no negocio do tocaio.

7 comentarios:

Sun Iou Miou dijo...

Estanme a medrar os dentes e non sei por qué.

r.r. dijo...

Polo churrasco. Se é por malahostia contra min, avisa, que collo medo. Muaks.

Falstaff dijo...

Olhe você, menino!!! Así que visitou vostede a Bia e Sergio!!. Non sabia que mantivesen contacto. Ainda teño un facsímil de "Follas Novas" co que ela me agasallara, fíxese se choveu desde aquela.

Ana Bande dijo...

Deliciosas crónicas paulinas.

Zerovacas dijo...

Si, crónicas que non se puideron ler en medio galego ningún, sequera en forma de breve

r.r. dijo...

Fasltaff: ¡Si! Por email, pero si, máis ou menos seguimos en contacto.

Ana: Obrigadiño, pero ti quéresme moito.

Zerovacas: claro, pero polo mesmo motivo... Esas cousas se non se organizan con gabinete de prensa (como se fixo nA Habana) non chegan a medio ningún, ¿non é?

Anónimo dijo...

打卡鐘,情趣用品,吃到飽麻辣鍋,黃金回收,牙醫,跳蛋,指甲彩繪,植牙,影印機,賺錢,持久液,植牙,黃金,水晶指甲,情趣用品,創業加盟,借錢,蒙古火鍋,當舖,情趣,賺錢,牙醫,鑽石回收,咖啡機,亞太電信,情趣用品,黃金回收,植牙,情趣用品,a片,成人網站,成人網站,成人影片,成人影片